Santo Estevo do Ermo e a súa fraga é moito máis que unha fervenza. Trátase do lugar propicio para escapar da rutina diaria, deixarse fluir e conectar coa natureza e con nós mesmos. Unha paisaxe natural sensacional, entre altos riscos e penas que colgan verticais, e que conforman un refuxio para a biodiversidade da zona. Porén, este espazo está catalogado como Área de Especial Interese Paisaxístico segundo o Catálogo das Paisaxes de Galicia.
Aquí, o paseo converterase nunha experiencia de achados naturais, arquitectónicos e etnográficos que agardan por unha mirada curiosa disposta a saborear cada instante.
O son da auga que se precipita contra a rocha precede a chegada á fervenza, a uns 200 metros da ermida de Santo Estevo. Un lugar no que a auga ten unha forte presenza xa que, dúas fontes de augas mediciñais manan neste entorno, tamén coñecido como Santo Estevo de Augas Santas.
O solitario espazo habitado pola ermida, o río e a fervenza dá lugar a un espectáculo vital. Aquí o camiñante atoparase cunha vigorosa e heteroxénea vexetación autóctona. Un lugar para respirar con consciencia e disfrutar da beleza da nai terra.