Situado a 334 metros de altitude, e catalogado como Área de Especial Interese Paisaxístico de Galicia, permítenos apreciar, aos seus pés, a capitalidade do municipio e, ao fondo, os oito quilómetros de praias de Barreiros.
Mais a beleza natural que, probablemente, capte toda a nosa atención será a da Ría de Foz-Masma. Dende aquí, ábrense aos nosos ollos as súas dimensións, formas e cores. O aspecto desta paisaxe variará segundo a época do ano, o momento do día, o estado da marea e, por suposto, en función da meteoroloxía; pois dalgunha forma a paisaxe tamén ten vida.
Se continuamos coa mirada cara ao Oeste, poderemos percorrer a costa da Mariña Lucense ata Burela. En primeiro termo atopamos Foz, xusto á outra beira da ría e, máis alá veremos a vila de Burela. Terra a dentro preséntasenos montes tan representativos como o Pico de Cornería (432m.) ou o Pico da Frouxeira (426 m).
Cara ó Sur, intúese, tras os montes, o espírito do Camiño Norte de Santiago, que atravesa o Val de Cabarcos de leste a oeste.
Como noutros montes do municipio, a vexetación está formada maioritariamente por eucaliptos, piñeiros e toxos entre os que viven corzos, raposos, xabarís, ou esquíos, entre outros.
Cabe mencionar a existencia nesta contorna de breixeiras húmidas atlánticas, hábitat propio de substratos húmidos ou encharcados e ácidos debido a procesos de formación de turba. Trátase de matogueiras dominadas case sempre polo breixo de turbeira a miúdo acompañado doutros breixos. Xeralmente forman mosaicos na paisaxe ocupando zonas con pouca inclinación ou depresións no terreo onde se acumula a auga. Destacaremos a presenza de Erica Mackaiana.
Accesibilidade
Opción 1: Se subimos dende San Cosme, tomando a LU-P-0608 cara A Insua e despois a LU-P-6103 cara a Trabada, a 3Km atoparemos o desvío á esquerda.
Opción 2: Dende a estrada N-634 en San Pedro de Benquerencia enlazamos directamente coa LU-P-6103 cara a Trabada. A distancia ata o desvío a Penabor é duns 4Km.
Unha vez tomado o desvío ao miradoiro podemos deixar alí o coche e subir a pé ata o cumio do monte (uns 1,2Km) ou tamén subir en vehículo, xa que existe un aparcadoiro arriba.