Turismo Concello de Barreiros – Galego

Turismo de Barreiros

GAL  |  ES  |  EN

GAL  |  ES  |  EN

Barreiros en 3 días

Antes de vir non esquezas:

  • Consultar a táboa de mareas e facer a túa reserva* se desexas visitar o Monumento Natural Praia das Catedrais, no veciño Ribadeo, á que podes ir camiñando sen problema dende Barreiros, pois atópase a continuación da praia de Arealonga. 

*Reserva gratuíta e obrigatoria en Semana Santa e nos meses de xullo, agosto e setembro.

  • Revisar a nosa axenda cultural en busca de propostas de ocio, xa sexan culturais, deportivas ou festivas. 

Día 1

Se só vas a estar tres días en Barreiros, o plan ideal para inaugurar a túa escapada será dar un paseo a pé ou en bici polo noso litoral. Dispós de 8 quilómetros de praias enmarcadas por dous espazos naturais protexidos: a Zona de Especial Conservación As Catedrais e a Zona de Especial Protección de Aves Ría de Foz-Masma. Convidámoste a un paseo escoitando os sons do mar, apreciando o aroma a salitre e permitindo que a brisa mariña acariñe o teu rostro. Se decides descalzarte e pisar a fina e branca area dos nosos infinitos areais, non esquezas agudizar a túa vista na procura dalgún bítere, ou mesmo de curiosas formacións xeolóxicas e dos múltiples organismos vivos que habitan nesta costa, dende aves mariñas ata moluscos e plantas adaptadas ao medio.

É a quenda de abrir boca tomando o teu tentempé favorito nalgún dos establecementos de hostalaría para, a continuación, saborear a rica gastronomía de Galicia. Despensa natural de mariscos e peixes frescos, carnes, verduras Km0, así como do saboroso leite das nosas granxas co que se elaboran innumerables receitas doces ou salgadas.

Despois de repoñer forzas toca coñecer o extenso patrimonio cultural de Barreiros para o que che propoñemos unha visita a núcleos de poboación como San Cosme, San Miguel de Reinante, Santiago de Reinante ou ao lugar Viladaíde. En calquera deles atoparás unha combinación perfecta de vestixios patrimoniais entre os que destaca o legado indiano e etnográfico, mais tamén atoparás fermosas mostras de patrimonio heráldico, relixioso ou arqueolóxico.

Tras unha interesante xornada explorando Barreiros, nada mellor que deixarte mimar con descanso e relax nesta contorna rural. Aquí atoparás un amplo abano de tipoloxías de aloxamentos cuxos anfitrións, de seguro, che farán sentir coma na casa.

Día 2

Comezamos a segunda xornada cunha inmersión na natureza que non te deixará indiferente. Propoñémosche unha visita ao reduto natural e cultural de Santo Estevo do Ermo. Un espazo para vivir cos cinco sentidos. Entre unha exuberante e fráxil vexetación autóctona atoparás un curto sendeiro que te encamiñará cara á milenaria capela, a fervenza e as fontes de augas milagreiras. 

A viaxe non estará completa sen catar, nos nosos bares, os prestixiosos viños de Galicia o as innovadoras bebidas  como vermús, xenebras, sangrías, etc.; que toman como base as diferentes variedades de uva galega. Ou, por que non, unha cervexa artesanal. Recorda que sempre podes preguntar polas versións sen alcohol. Despois do aperitivo, de seguro que o corpo che pedirá unha comida tradicional, esa que se cociña lentamente, de maneira sinxela e coa mellor materia prima.

Se o teu é a aventura, non deixes de consultar o noso apartado de Turismo Activo, e goza o Barreiros que queda en ti grazas ás diferentes experiencias e modalidades deportivas. Sen saír de Barreiros poderás practicar dende o surf e as súas variantes ata parapente pasando polas actividades en terra firme coma o sendeirismo ou a observación de aves

Sabías que o interior do concello de Barreiros é atravesado polo Camiño Norte de Santiago e que formamos parte da súa primeira etapa en Galicia?

Para rematar o día podes optar por facer unha ruta de tapas ou unha cea máis informal sen renunciar á calidade dos produtos galegos. 

Día 3

Non te podes ir de Barreiros sen coñecer os miradoiros de Monte Penabor e Monte Comado, ambos catalogados como Áreas de Especial Interese Paisaxístico de Galicia. Dende eles ábrense aos nosos ollos as paisaxes costeiras da Mariña Lucense e mesmo a veciña Asturias nun só golpe de vista.

Despois de gozar do xantar, quizais non te queiras despedir sen vivir unha divertida ou relaxante xornada de praia aproveitando a amplitude e escasa ocupación dos nosos areais. Máis se o tempo non acompaña, neste enlace podes consultar a axenda cultural, e despedirte así cunha experiencia do máis completa.

E como agradecemento á túa visita, descarga as nosas postais dixitais para levarte un recordo de Barreiros que podes ter sempre á man ou compartir con quen desexes.

+ de 3 días

No caso de que esteas preparando unha estancia máis longa, aquí podes consultar todas as propostas que agardan por ti na Mariña Lucense. Un territorio diverso e auténtico para visitar en calquera época do ano.

Moitas grazas por vir a coñecernos! Agardamos volver a verte!