Turismo Concello de Barreiros – Galego

Turismo de Barreiros

GAL  |  ES  |  EN

GAL  |  ES  |  EN

ZEC-ZEPA Ría de Foz-Masma

A Ría de Foz-Masma é unha xoia natural cuxo valor ambiental está avalado por diferentes figuras de protección a nivel europeo, dentro da Rede Natura 2000, tales como: Zona de Especial Conservación (ZEC) e Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA). Tamén está incluída no inventario de humidais de Galicia e no catálogo de IBAs (Important Bird Areas).

A ría constitúe un importante enclave de vexetación de marisma litoral pola presenza da zostera mariña. Ademais, é un dos puntos estratéxicos de Galicia para a observación de aves, xa que alberga interesantes poboacións de aves acuáticas, especialmente durante o paso migratorio outonal e o inverno. Así, por exemplo, alcanza importancia nacional para as limícolas e rexional para especies como a garceta común, a garza real, píllara cincenta ou o pilro común, entre outras. Destaca a presenza de aguia pescadora e de tartaraña das xunqueiras, máis coñecida como “aguilucho lagunero”, que espertan un gran interese entre os afeccionados á ornitoloxía

A praia e zona dunar de Altar, na desembocadura da ría, conforman un hábitat propicio para a nidificación e cría dunha pequena e excepcional ave, a píllara das dunas, incluída no Catálogo Galego de Especies Ameazadas contando cun Plan de Conservación específico. A poboación galega é a única existente en toda a franxa cantábrica-atlántica española. Por iso é especialmente importante a colaboración de todos.

Río Masma

A ría, máis alá de ser un paraíso para as aves tamén o é para os amantes dos deportes náuticos coma o surf, o windsurf, o kitesurf, o piragüismo e a vela.

O espazo natural protexido catalogado como Zona de Especial Conservación esténdese polo curso medio e baixo do río Masma, cuxo fermoso percorrido se considera Área de Especial Interese Paisaxístico segundo o Catálogo das Paisaxes de Galicia. As súas ribeiras están poboadas por vexetación propia destes ambientes atopando bidueiros, freixos, salgueiros e carballos, entre outros. Nesta cunca fluvial destaca a presenza do salmón, sendo un dos poucos ríos salmoneiros de Galicia, así como a existencia de mexillón de río (especie protexida), de reo ou de lamprea, dada a súa escasa presenza noutros ríos galegos.

Dentro do espazo natural tamén se atopa o hábitat protexido denominado “Queirogais secos atlánticos costeiros de Erica vagans”, así como  a presenza de Limonium dodartii, máis coñecida como acelga salgada e catalogada en réxime de protección especial.

Accesibilidade

Plans para gozar deste espazo natural