Se che gusta gozar da natureza estás de sorte porque Barreiros e A Mariña Lucense agardan por ti para liberar adrenalina. As súas paisaxes de mar, campo e montaña permítenche realizar numerosas actividades en calquera época do ano. Non tes máis que achegarte ata aquí para comprobar que este territorio te convida a practicar turismo activo dentro dunha paisaxe de postal.
Con 9 quilómetros de costa de mar aberto, Barreiros e a súa contorna preséntanse como un auténtico paraíso para os amantes dos deportes náuticos.
Son moitos os afeccionados ao surf e as súas variantes os que deciden vir a Barreiros a desafiar as excelentes olas do Cantábrico
Ademais, a tranquilidade e o abrigo que ofrece a Ría de Foz-Masma favorece a práctica da navegación xa sexa a vela, en kaiak ou en paddle surf.
Se o que prefires é gozar das actividades ao aire libre sen deixar de pisar terra firme as nosas paisaxes converteranse no refuxio ideal no que encontrarte a ti mesmo grazas á práctica de actividades coma o sendeirismo, a pesca de río ou a pé de praia ou a ornitoloxía para o que contamos cunha zona ZEPA, entre outros puntos de valor ornitolóxico.
¿Gustaríache ver dende o ceo as nosas praias e cantís? Dende o Monte Comado, en Barreiros, tes unha oportunidade única, pois é un dos mellores lugares de Galicia para a práctica de parapente.
E para os máis competitivos, ao longo do ano contamos cunha variada programación de eventos deportivos en diferentes modalidades e niveis de esixencia.
Descarga o listado resumo dalgunhas das propostas que che ofrece este territorio.