Sen dúbida, a icona turística de Barreiros son as súas inmensas praias de area branca e fina. Desde a veciña Praia de As Catedrais, en Ribadeo, ata a ría de Foz – Masma esténdense oito quilómetros de areais consecutivos. Unha espectacular paisaxe para a contemplación, pero tamén para a práctica de actividades de turismo activo e, como non, para gozar das suaves temperaturas do norte.
Longos e relaxantes paseos
Aquí poderás facer longos e relaxantes paseos, deixándote acariñar pola brisa do mar e sentindo a area húmida baixo os teus pés, ou pasar divertidas xornadas coa túa familia gozando da súa amplitude e escasa ocupación.
Rica biodiversidade
Alén de ser un espazo de ocio constitúen un lugar para contemplar as diferentes formacións xeolóxicas así como a súa ampla biodiversidade xa que, tanto ao nivel da area, coma do cantil teñen o seu hábitat interesantes comunidades animais e vexetais ocupando os distintos espazos en función da exposición á ondada, ás salpicaduras mariñas, ao vento e ao tipo de sustrato.
O mar, fonte de saúde
Outra prezada característica é a riqueza de iodo destas augas mariñas. Grazas á variedade de algas, os nosos areais atópanse entre os máis iodados de España. Así, a xente do interior achegábase outrora para tomar os baños de setembro, chamados de “As Carolas”, e darse esa cura de saúde que se lle atribúe a este mineral.
Extenso paseo marítimo
O extenso paseo marítimo, que forma parte do Camiño Natural Ruta do Cantábrico, conforma unha boa opción para o encontro co mar xa que o percorrido convértese nun perfecto miradoiro sobre este litoral.