Turismo Concello de Barreiros – Galego
¿Amante das festas?
En Barreiros atoparás unha diversidade de festas e eventos nos que se pon de manifesto todo o acerbo cultural e tradicións deste territorio. Son varias as temáticas destacando as celebracións con orixe relixioso e as culturais. Boa parte delas acompañadas da degustación, a prezos populares, dos produtos autóctonos da rica gastronomía de Galicia. O acompañamento musical está asegurado.
Entre as máis destacadas atópanse o Entroido, a Feira de San Rosendo, o Festival Histórico de Augas Santas, o Festival Folclórico Internacional do Emigrante (Festa de Interese Turístico Galego) ou a festa de San Bartolo, entre outras.
Ademais, ao longo do ano, existen outras citas de marcado carácter cultural e deportivo cunha programación pensada para tódolos públicos con teatro, música, exposicións ou competicións deportivas.
Citas festivas
Entroido
Corenta días antes do xoves de Pascua. San Cosme de Barreiros.
Unha das festas con máis tradición de Galicia. Para gozar desta diversión colectiva, a parte de degustar os manxares propios desta época do ano, coma o cocido ou as típicas sobremesas (orellas, roscas e filloas), convidámoste a disfrazarte e participar nos diferentes actos programados, entre os que destaca o desfile nocturno que se celebra o venres da semana grande no que participan xentes chegadas de toda a contorna. Non falta a xa tradicional presenza dos nosos xigantes e cabezudos.
Feira de San Rosendo
Primeira fin de semana de marzo. San Miguel de Reinante.
Celebración de gran arraigo popular, sendo o día grande o domingo coa feira de gando ecuestre e o mercado no que se dan cita distintos expositores gastronómicos e de artesanía. Non falta o polbo, a música tradicional, nin a verbena. Ambas xornadas celébrase misa solemne con procesión.
Festival Histórico de Augas Santas
Finais de xuño.
Espazo natural e arqueolóxico de Santo Estevo do Ermo – San Cosme de Barreiros.
Cita histórico-festiva que pretende recrear a época altomedieval á que se remonta o pasado deste lugar. Os participantes caracterízanse con vestimentas da época e gozan das diferentes actividades programadas entre as que se atopan: o mercado tradicional de produtos artesanais, música e danza tradicional, rutas a pé e rutas ecuestres, xantar e cea campestres, xogos tradicionais para tódolos públicos e vodas polo rito celta. Sen dúbida o acto máis importante é a escenificación da entrega do documento do Rei Silo* aos monxes para a construción dun mosteiro entre os ríos Masma e Eo.
*Documento máis antigo conservado en España e directamente vinculado con este territorio.
Festival Folclórico Internacional do Emigrante
Primeiro sábado de agosto. San Miguel de Reinante.
Declarado Festa de Interese Turístico Galego polo seu arraigo e singularidade, este evento cultural é organizado pola Asociación Folclórica O Arco da Vella. Nel teñen lugar mostras de danza e música tradicional de Galicia, de España e doutros países do mundo constituíndo unha importante mostra de diversidade cultural. Os actos comezan o venres coa chamada Foliada do Emigrante, na que se reúnen distintos grupos de música tradicional para amenizar a noite.
Festas de San Bartolo
24 de agosto (día grande). San Bartolo – San Cosme de Barreiros.
Estes festexos coñecidos como “as festas do veraneante” por constituiren unha despedida do verán, celébranse na contorna da capela do mesmo nome situada no litoral de Barreiros. O día grande, 24 de agosto, é festivo local, mais os actos exténdense ao longo de varias xornadas. Habitualmente dan comezo cunha gran sardiñada á tardiña do primeiro día. Non faltan as atraccións de feira, nin as tradicionais sesión vermú e verbena. O día de San Bartolo ten lugar, ademais, misa e unha procesión dende a capela ata a praia en homenaxe ás persoas falecidas na costa. Tradicionalmente as familias e grupos de amigos chegados de todo Barreiros e concellos da contorna, facían comidas campestres nos campos e na praia.
Outras celebracións populares
Festa de San Xulián en Vilamar
Fin de semana máis próxima ao 20 de maio. Vilamar – San Xusto de Cabarcos.
Destaca a degustación de polbo e churrasco o venres.
Romaría de Santo Estevo da Pagá
Finais de maio – principios de xuño. A Barranca – San Miguel de Reinante.
Romaría tradicional campestre coa habitual degustación de chourizos e empanada.
Festas na honra de San Xoan Degolado
Mediados de xuño. Vilamartín Pequeno.
Destaca a degustación de requeixo durante o xantar popular.
Festas de San Pedro
Fin de semana máis próxima ao 29 de xuño. San Pedro de Benquerencia.
Romaría de Santo Estevo do Ermo
Primeiro sábado de xullo. Santo Estevo do Ermo – San Cosme de Barreiros.
Destaca o xantar campestre e a organización de xogos populares.
Festa Romaría Virxe do Carme
Sábado posterior ao día do Carme (16 de xullo). Praia de Arealonga – San Miguel de Reinante.
Festas de Santa Cristina
24 e 25 de xullo. Celeiro de Mariñaos.
Festas do Santiago Apóstolo
24 e 25 de xullo. Santiago de Reinante.
Festas de San Xulián e Corpus Christi de Cabarcos
Finais de xullo. San Xulián de Cabarcos.
Festas de San Xusto e San Pastor
En torno ao 6 de agosto. San Xusto de Cabarcos.
Destaca a concurrida procesión na que se sacan catorce imaxes, sendo unha das máis numerosas de Galicia.
HoliWave
Mediados de agosto. Zona de San Bartolo – San Cosme de Barreiros.
Explosión de cor con polvos Holi e carnaval de verán.
Romaría de San Caetano e Festa da Tortilla
Mediados de agosto. Lugar de San Caetano – Celeiro de Mariñaos.
Romaría tradicional campestre. Destaca a degustación dunha tortilla xigante, o consolidado concurso de tortillas e o tradicional “baile do farolillo”.
Festa do Ovo Frito
14 de agosto. Campo de Fútbol de O Cascabeiro – San Cosme de Barreiros.
Festas de San Roque
16 de agosto. San Cosme de Barreiros.
Festas de San Cosme
En torno ao 26 de setembro. San Cosme de Barreiros.
Festas de San Miguel
Fin de semana máis próxima ao 29 de setembro. San Miguel de Reinante.
Citas deportivas
Se eres amante dos deportes, en Barreiros tes o teu lugar. Ao longo do ano celébranse 6 carreiras populares enmarcadas no circuito +Kms Barreiros. Cada unha presenta a súa singularidade e ten lugar nunha contorna diferente abarcando espazos de gran beleza paisaxística.
Moitas delas contan con versión andaina e con modalidades infantís para que poida participar toda a familia.
Toma nota e non te perdas ningunha!
+ info: maiskmsbarreiros.gal