A súa construción remóntase ao século XVI. Na fachada principal, coroada por unha espadana de dous corpos, presenta unha pequena hornacina coa imaxe en pedra de San Pedro popular cunha gran chave na man.
Para apreciar a súa singularidade artística é preciso acceder ao seu interior e admirar a bóveda nervada gótica do seu cruceiro ricamente decorada con pinturas dos catro evanxelistas. Cada un cos seus símbolos: Xoán e a aguia, Lucas e o touro, Mateo e a cabeza cortada en posible referencia ao seu martirio e, por último, Marcos e o león.
A técnica pictórica denota que o artista carecía de coñecementos de perspectiva. Estímase que puideron ser realizadas na segunda metade do século XVIII.
Na bóveda do presbiterio aparecen anxos, pintados no século XIX.
Finalmente, destacar a factura do retablo maior de estilo rococó coa figura de San Pedro no centro.
– Consultar horario de misa. Non dispón de horario de visita. –