Turismo Concello de Barreiros – Galego
Fontes
A auga ten unha ampla tradición relacionada coa curación. Xa os celtas a consideraban un elemento sagrado. Dende fai máis de un milenio ata a actualidade mantense a costume de acudir en peregrinación a un pozo ou fonte sagrada á que se lle atribúen poderes milagreiros.
Unha das fontes máis recoñecidas, tanto en Barreiros como no norte da provincia de Lugo, é a fonte de Augas Santas situada no espazo de Santo Estevo do Ermo. Trátase dun manancial de augas ferruxinosas, moi venerado na Mariña, ao que se lle outorgan propiedades medicinais para tratar doenzas relacionadas coa falta de ferro.
Conta a lenda que se alguén discute diante da fonte de Augas Santas, deixa de manar
No mesmo lugar do Santo Estevo do Ermo, arriba da fervenza, atopamos outra fonte milagreira, a fonte de Santa Rosa á cal se lle atribúen propiedades curativas para enfermidades da pel. Neste caso o ritual consiste en utilizar un anaco de tea que mollaremos na auga e pasaremos pola zona afectada e, posteriormente, ataremos a unha das pólas das abeleiras. A tradición di que a enfermidade quedará transmitida á tea.
Coa chegada do cristianismo este tipo de rituais considerados pagáns foron convertidos á relixión cristiá, motivo polo cal é común a existencia de mosteiros e igrexas ao carón destes mananciais e pozos sagrados. Nesta contorna existe unha terceira fonte chamada “do Pan Branco” e unha ermida de orixes milenarias.