O espazo protexido dentro da Rede Natura 2000 denominado “As Catedrais”, en referencia a este areal ribadense considerado como unha das praias máis fermosas do mundo, ocupa 297 hectáreas entre os municipios de Barreiros e Ribadeo abarcando a franxa costeira que se estende dende a Praia de Lóngara (Barreiros) ata o Penedo do Corvo (Ribadeo).
Así, esta Zona de Especial Conservación (ZEC) presenta unha serie de hábitats e lugares de gran interese ambiental que o fan único e no que teñen o seu hábitat interesantes comunidades animais e vexetais intermareais, dunares (Praia de Arealonga) e de cantil. Este último colonizado por algas, liques e prantas adaptadas a ambientes salinos que se dispoñen en función da exposición ás salpicaduras do mar e aos fortes ventos mariños.
En canto aos sistemas dunares cabe mencionar o da Praia de Arealonga, hábitat de interese comunitario. Esta praia singularízase pola presenza dunha turbeira que conserva os restos dun antigo bosque duns 8000 anos de antigüidade. Nela tamén é posible practicar a observación de aves, xa que actúa como repousadoiro principalmente para gaivotas e limícolas.
Xa no plano xeolóxico, no cantil da praia de Punta Corveira, que forma parte de Lóngara, podemos observar interesantes pregues tombados que se formaron durante o choque entre continentes que deu lugar a Panxea fai uns 350 millóns de anos. Ademais, podemos ver como aparecen cortados por un dique ou franxa dunha rocha diferente denominada aplita.