O edificio indiano máis representativo de Barreiros. Villa Julia foi construída en 1926 tomando como inspiración o eclecticismo francés e, en menor medida, o art decó.
Trátase dun prototipo residencial alleo aos imperantes na contorna. De inspiración francesa, o seu elemento máis rechamante é a torre, símbolo de poder. Un elemento arquitectónico cuxo fin é ennobrecer e monumentalizar a casa indiana.
Na fachada principal sobresae o pórtico, sobre o que se asenta un balcón corrido que se transforma en azotea á altura do nivel baixocuberta.
No lateral destaca un fermoso miradoiro construído en formigón e con decoración xeométrica, inspirada no art decó, combinada con motivos vexetais.
A modo de curiosidade, coméntase que D. Alfonso Renduélez e a súa esposa Julia Rocha promoveron a construción desta vivenda dende a illa caribeña. Ao regresar a Barreiros a casa xa estaba rematada para o desgusto de D. Alfonso, xa que o resultado final non foi do seu agrado, mandando construír outra vivenda, proxecto que finalmente non puido levar a cabo.