Cando a marea chega ao seu cénit, este areal convértese nunha cala pouco transitada. Conta cunha lonxitude de 155 metros e a súa anchura oscila entre 17 e 65 metros.
Nela encontramos, xusto ó final dun dos seus accesos, unha fonte ferruxinosa que, a día de hoxe, mana da area.
Este areal ten a meritoria fama de que nel se poden encontrar “bíteres” con suma facilidade. O bítere é un opérculo plano con forma de orella exclusivo dalgúns areais de Barreiros. Sobre el recae unha lenda que conta que aquela persoa que o encontre terá un ano colmado de amor e sorte. Tamén se di que, se se garda na carteira, traerá fortuna para quen así o porte.
O 24 de agosto, festivo local, celébrase a festa de gran arraigo popular na honra a San Bartolo na capela situada nun dos seus extremos e á que debe o seu nome.
Na súa contorna atópanse dúas áreas recreativas, unha ao carón da baixada principal á praia e outra na pista deportiva que conforma o campo da festa, lugar que tamén conta cun parque infantil.