Extensa praia de case 1 quilómetro de longo e unha anchura que oscila entre os 45 e os 160 metros.
No noso paseo por este areal deberemos prestar atención ao cantil, pois posúe singulares formacións xeolóxicas tales como intrusións de grandes bloques de rochas magmáticas denominadas “aplitas” e pequenos pregues deitados que nos falan da intensa actividade xeolóxica á que foron sometidas estas rochas fai milleiros de anos.
Camiñando sobre a súa area atopámonos cunha orografía salpicada de intensas formacións acantiladas que se atopan fracturadas entre si, sendo a maior singularidade, a coñecida como “Pena do Castro”, na que estaba situado o milenario castro pre-romano de Benquerencia e do que, a día de hoxe, case non quedan pegadas.
Ao igual que as praias de Coto e Lóngara, posúe boas condicións para practicar surf.
Ademais, conta cunha área recreativa e acceso para persoas con mobilidade reducida.