No interior da ría do Masma atópase este prácido areal de oleaxe tranquilo e con forma de enseada. Ten unha lonxitude de 250 metros e unha anchura entre 10 e 45 metros. Na súa parte esquerda dispón dunha rampla para botadura de embarcacións, utilizable en marea alta.
Sitúase ao carón da Punta da Anguieira e do sistema dunar da Praia de Altar. Ambos areais conforman un bo lugar para a observación de aves acuáticas.
Conta cun parque infantil e cunha área de autocaravanas xusto ao seu carón.
As praias de Acantilado-Remior, San Bartolo, Altar e esta da Anguieira atópanse dentro da Zona Especial de Protección para as Aves (ZEPA) Ría de Foz – Masma, unha zona natural de singular relevancia a nivel europeo para a conservación de aves ameazadas de extinción.