Raiando coa Praia das Catedrais, esta é a primeira praia que encontran os viaxeiros que se encamiñan desde Ribadeo. Posúe unha considerable extensión, con máis dun quilómetro de area, de aí o seu nome.
Entre a praia e o paseo marítimo atópase un sistema dunar que, aínda que fortemente erosionado, posúe un singular valor ambiental xa que está considerado un hábitat de interese comunitario. Así, forma parte do espazo natural protexido ZEC As Catedrais.
Este areal singularízase pola presenza dunha turbeira que conserva os restos dun antigo bosque duns 8000 anos de antigüidade. Nel tamén é posible practicar a observación de aves, xa que actúa como repousadoiro principalmente para gaivotas e limícolas.
A través do paseo marítimo que serve de unión coa praia da Pasada, podemos apreciar os restos dun castro (poboado fortificado da Idade do Ferro), situado na chamada “Punta do Castro”.