Distinción, combinada coa sinxeleza propia do mundo rural
A nobreza de Galicia deixou a súa pegada na arquitectura civil e relixiosa. A partir da Baixa Idade Media proliferou a tendencia de incorporar o escudo de armas como elemento identificador das diferentes linaxes nobiliarias. Habitualmente están presentes en pazos, casas grandes, torres e mesmo en igrexas e capelas sendo testemuñas da nosa historia.
No municipio de Barreiros destacan varias casas brasonadas como as de Seixo da Veiga (San Xusto de Cabarcos), o pazo de San Caetano (Celeiro de Mariñaos); o pazo de Outeiro, o pazo de Triana, a casa-torre de Pumarín (estes tres en San Miguel de Reinante); e a Casa de Rocha en Viladaíde (San Cosme de Barreiros). Se ben, algunhas delas foron obxecto de diversas reformas ao longo da historia.
Ademais do propio edificio, xeralmente os pazos e casas grandes acollen outras dependencias dedicadas ás labores agrícolas ou gandeiras como hórreos, pombais, adegas, pozos e mesmo fornos de pan.
No tocante á arquitectura relixiosa atopamos escudos na Capela de San Bartolo (San Cosme de Barreiros) e no retablo maior da ermida de San Caetano (Celeiro de Mariñaos).