Reflexo da interacción do ser humano co medio no que habita
O patrimonio etnográfico engloba aqueles bens que representan a cultura e a identidade popular dun territorio. Simboliza os modos de vida nos nosos devanceiros. Caracterízase pola súa fusión coa paisaxe, de forma que o territorio constitúe un gran museo ao aire libre no que empaparse dunha grande diversidade de manifestacións culturais tanto de natureza material como inmaterial.
O legado etnográfico do noso rural abrangue dende casas labregas, hórreos, cruceiros, lavadoiros, pozos, pontes, muíños, palleiras, fornos ou pombais, ata un valiosísimo patrimonio intanxible como lendas, topónimos, expresións populares, refráns, diversidade lingüística, cantigas ou bailes. Entre eles poderíamos destacar os Cabozos e o cruceiro de Viladaíde, os cabozos da Perana e os da Casa Rafael e A Cabana de San Xusto, os lavadoiros de Áspera-Vilar e San Miguel de Reinante, as fontes milagreiras do Santo Estevo do Ermo ou o pombal da Casa de Alvariño en Santiago de Reinante. Ademais, a Asociación Folclórica O Arco da Vella, tamén de San Miguel de Reinante promove, dende hai máis de corenta anos, a conservación e divulgación da danza e música tradicional de Galicia.
Lenda do tesouro de Maeloc
Conta a lenda que no Monte Cornería, en Celeiro de Mariñaos, soterrado a moitos metros de profundidade e dentro dun gran cofre de ouro macizo, se esconde o gran diamante azul de Maeloc. Quen atope este prezado tesouro gozará de poderes practicamente ilimitados.
A tradición histórica considera a Maeloc o líder celta dos Britóns que, fuxindo das invasións anglosaxonas no sur de Inglaterra, se asentaron no norte de Galicia onde fundaron a diócese cristiá de Britonia.