O alto de Comado, situado a 468 metros de altitude é un excelente miradoiro natural, catalogado como Área de Especial Interese Paisaxístico de Galicia, que nos ofrece vistas da Rasa Cantábrica, desde Burela, pasando por Foz, os oito quilómetros de praias de Barreiros, Ribadeo, e mesmo Tapia de Casariego (Asturias), os días máis despexados. Tamén nos aporta vistas de zonas gandeiras como Noceda ou o monte Mondigo, ambos en Ribadeo.
Asemade, resulta un lugar idóneo para practicar parapente. Tanto é así, que se considera a zona de referencia para a práctica deste deporte na Mariña Lucense. Un lugar excelente para realizar descensos suaves ata os areais en voos bipraza aptos para todo o mundo. Ademais, dependendo da climatoloxía, son moitos os días nos que se pode facer distancia pola costa gozando das marabillosas vistas da Rasa Cantábrica, das nosas praias e do espazo natural de As Catedrais.
Neste monte desenvólvense breixeiras húmidas atlánticas, un tipo de hábitat máis frecuente na cornixa cantábrica e propio de chans húmidos ou encharcados e ácidos, entrando en contacto con turbeiras. Ocupan maioritariamente zonas de media montaña onde se acumula a auga. Cabe mencionar a presenza de Erica Mackaiana.
A pouco máis de 500 metros cara ó interior atopamos o alto de Penalonga, que cos seus 516 metros de altitude conforma o límite co concello de Ribadeo e nos ofrece unhas espectaculares panorámicas.
Accesibilidade
Para subir a esta atalaia sobre o litoral, é importante escoller un día despexado e roupa de abrigo. Achegarémonos ata o núcleo de San Miguel de Reinante para tomar a estrada que sobe a Remourelle e pasa por diante do colexio local. A uns 3,5Km, atoparemos a sinalización do desvío ao Monte Comado. Se viñemos en coche, deixarémolo neste punto ao carón da estrada e subiremos a pé ata a cima do monte (distancia aproximada de 2Km). Merecerá a pena a andaina.