Turismo Concello de Barreiros – Galego
Hórreos
Os hórreos, aquí chamados cabozos, son unha construción típica da casa labrega destinada a secar e almacenar o millo e outros cereais. En Barreiros podemos atopar fundamentalmente cabozos de dous tipos: Ribadeo e Mondoñedo.
O de tipo Ribadeo está, case na súa totalidade, construído en pedra; sen embargo, o de tipo Mondoñedo combina pedra con madeira.
En Viladaíde atoparemos un fermoso conxunto de hórreos destes dous tipos, destacando entre eles o Cabozo dos Moreda pola particularidade de posuír catro pisos. Coñecido é tamén, en Celeiro de Mariñaos, o Cabozo da Perana, asentado sobre un arco de medio punto, similar ao Cabozo da Cabana no Val do Caínzo e ao da Casa de Rafael, ambos na parroquia de San Xusto de Cabarcos.
Estruturalmente o cabozo é estreito e alto coa finalidade de acadar un mellor illamento do chan e una mellor ventilación. Dependendo da súa tipoloxía, a cabana -parte aireada con numerosas aberturas laterais- pode sustentarse sobre columnas ou sobre o chamado «celeiro» estancia que serve para gardar outro tipo de colleitas ou os apeiros da labranza. Ademais, algúns incorporan un piso ou unha zona para acoller o pombal.
Non faltan outros elementos imprescindibles coma o tornarratos -pedra plana que serve para impedir o acceso dos ratos á cabana- ou os pináculos sobre o tellado, elementos decorativos aos que se lles outorga propiedades protectoras e invocadoras das boas colleitas.
Os cabozos son numerosos no concello de Barreiros, tanto nas parroquias costeiras como nas do interior.
Na túa visita, lembra respectar a propiedade privada. Grazas.