Turismo Concello de Barreiros – Galego

Turismo de Barreiros

GAL  |  ES  |  EN

GAL  |  ES  |  EN

Escolas indianas de San Miguel e Santiago de Reinante

Ambas foron levantadas a expensas da Sociedad de Instrucción Hijos de San Miguel y Reinante fundada na Habana en 1908. No mesmo ano da súa fundación contaba xa con máis de cen socios que, non só financiaron a construción de ámbalas escolas, senón que tamén corrían cos gastos do material necesario para que a formación dos nenos e nenas resultase gratuíta para as familias.

Escola de San Miguel de Reinante

Inaugurada en 1916 e construída con planta de claustro rectangular, nun primeiro momento tiña unha única planta na que estaban situadas catro aulas, dúas para cada sexo. Co tempo foi ampliada cun primeiro andar que albergaba a vivenda para os mestres.

Destaca o porte que lle outorga a escalinata da entrada, así como o frontón semicircular que sobresae da fachada coa seguinte inscrición: EDIFICIO ESCOLAR SOCIEDAD HIJOS DE SAN MIGUEL Y REINANTE.

Actualmente é un edificio municipal recentemente rehabilitado como sala polivalente e local social.

Casa escola de Santiago de Reinante

Inaugurada en 1925, esta casa-escola estaba dividida en dúas partes con distinta finalidade. Un ala estaba dedicada á docencia con dúas aulas, unha para nenos e outra para nenas; e a outra era a vivenda dos mestres/as. Ámbalas zonas estaban comunicadas polo vestíbulo da entrada principal. 

A súa fachada principal, que destaca pola súa horizontalidade, está coroada no centro por un frontón triangular flanqueado por pináculos, en cuxo tímpano hai a seguinte inscrición: “EDIFICIO ESCOLAR S. HIJOS SAN MIGUEL Y REINANTE”.

Foi construída no terreo da antiga escola mixta da parroquia que databa de 1885.

Accesibilidade

Escola de San Miguel de Reinante

Casa escola de Santiago de Reinante