Turismo Concello de Barreiros – Galego
Cruceiros
Os cruceiros son un recordatorio das miles de invocacións ao sobrenatural que salpican Galicia. Levántanse en encrucilladas de camiños, en atrios de igrexas, nas inmediacións de capelas ou custodiando cemiterios co fin de protexer do sobrenatural. Son unha sinal de identidade ligada a un tempo no que os camiños e congostras eran sendas solitarias e escuras onde o camiñante precisaba de protección contra a mítica Santa Compaña ou as almas errantes. Noutras ocasións foron froito da cristianización de lugares de culto pagáns.
O Cruceiro de Viladaíde, situado nun cruce de camiños, é o máis coñecido de Barreiros. Presenta a Cristo Crucificado con catro cravos inclinando a cabeza cara á dereita e coas mans pechadas. Como pode apreciarse, a cruz é máis recente que o varal. Isto débese a que se colocou unha nova no ano 2009 xa que a orixinal fora roubada no 2007.
No atrio da igrexa de Santiago de Reinante e preto da Igrexa de San Xusto de Cabarcos, no Camiño Norte de Santiago, atópanse outras fermosas mostras destes elementos patrimoniais.