Outro exemplo de transición entre a vivenda autóctona e a casa nobre con aire de pazo. Construída nos anos 20 por D. Ramón Iglesias Pérez.
Ao igual que moitos dos promotores, D. Ramón elixiu o emprazamento da súa vivenda indiana, de gran carga decorativa na fachada principal, á beira da estrada xeral.
Na primeira planta, tres ventás dan acceso a un balcón corrido, que ocupa a lonxitude total da fachada, soportado por catro fermosas ménsulas e rematado cunha fina reixa de ferro profusamente decorada. O balcón é normalmente o lugar nobre do edificio polo que os propietarios se esmeran máis na súa decoración. Convértese así nun dos compoñentes que marcan o gusto e a posición económica dos promotores.
Coroando o edificio sobresae unha peineta semicircular na que se abre un balcón de igual gusto que o anterior e sobre a que se dispón un adorno con motivos vexetais. É frecuente a utilización de molduras para a decoración de frisos, frontóns e recercados das fiestras. Sobre o acroterio ou sotabanco que esconde o tellado dispóñense figuras de xerro a modo de pináculos contribuíndo a outorgarlle un aire de distinción á vivenda.