Construída en 1898 por D. Rogelio Puentes. A casa de Alvariño é a única vivenda de promoción indiana que incorpora a creación dun gran xardín romántico no que se dispoñen acuarios, estanques, un pombal de planta octogonal, zonas de xogos para os nenos, mesas de cemento,…. Entre as diferentes especies arbóreas propias do xardín colonial atopamos, camelias, palmeiras, froiteiras, etc.
Na fachada principal do inmoble, emprazada sobre do xardín, destaca unha gran galería de dúas plantas construída en madeira e soportada por catro columnas de ferro que conforman un pórtico de entrada. Cobran especial relevancia os detalles ornamentais da puntilla de madeira que colga de ámbolos miradoiros, as grilandas e os medallóns decorativos en forma de cuncha sobre das ventás e no remate triangular que sobresae por enriba do tellado. Completan a vistosidade desta fachada os vidros coloreados das galerías.