Turismo Concello de Barreiros – Galego

Turismo de Barreiros

GAL  |  ES  |  EN

GAL  |  ES  |  EN

O Gran Camiño chega aquí! Mércores 15 de abril de 2026.

Estamos de parabéns! Barreiros foi elixida para acoller, o día 15 de abril, o final da segunda etapa de O Gran Camiño 2026, a volta ciclista profesional de Galicia. Este evento, que celebra a súa quinta edición entre o 14 e o 18 de abril, non é só unha competición deportiva de máximo nivel, senón unha ventá aberta ao mundo para amosar a riqueza do noso territorio.

Que é O Gran Camiño?

Trátase da volta ciclista profesional de Galicia, unha cita consolidada no calendario internacional que combina o espectáculo deportivo coa promoción da cultura e a paisaxe galega. Polas súas estradas pasaron lendas como Alejandro Valverde e campións como Jonas Vingegaard, situando á comunidade no foco do ciclismo mundial.

A Etapa 2: Da chaira de Vilalba ao mar de Barreiros

O 15 de abril será un día histórico para o noso municipio. A etapa lucense, denominada «Camiño de Lugo«, partirá ás 11.30h de Vilalba para adentrarse por primeira vez nas comarcas da Terra Chá e A Mariña, entrando en Barreiros sobre as 13.00h e culminando en torno ás 15.00h nun escenario inmellorable: o noso litoral, con meta na praia de Coto.

Estes son os datos clave da xornada que nos espera:

  • Percorrido: 148,6 quilómetros que conectan o interior lucense coa costa norte.
  • Desafío físico: Un desnivel acumulado de 1.933 metros que poñerá a proba ao pelotón.
  • Espectáculo garantido: Un trazado marcado polas espectaculares paisaxes da etapa.

Barreiros, referente en turismo deportivo e de natureza

A chegada desta meta é o resultado dunha aposta firme por situar a Barreiros como un escenario de grandes eventos vinculados ao deporte e á natureza. Este evento supón un importante impacto deportivo, turístico e promocional, reforzando a nosa presenza no mapa do ciclismo profesional e poñendo en valor os valores patrimoniais do noso territorio.

Máis información

Se queres coñecer todos os detalles, convidámoste a consultar a web oficial da proba: https://ograncamino.gal

E aquí podes consultar o percorrido: Mapa etapa 2 Vilalba-Barreiros | Wikiloc

Ven vivir a emoción do ciclismo profesional a pé de praia en Barreiros!

Queremos que esta sexa unha xornada histórica e, para iso, convidamos a toda a veciñanza e visitantes a saír á rúa e achegarse a calquera punto do itinerario, pero sobre todo á zona de meta, para dar o calor que merece este gran pelotón no seu sprint final. Amosemos un Barreiros volcado con este evento, transformando o noso litoral nun escenario vibrante que amose a forza dunha vila unida polo deporte e a natureza. Grazas á difusión televisiva internacional, as imaxes espectaculares de Barreiros chegarán a millóns de fogares.

Fagamos que cada aplauso na meta se converta nun recordo positivo e imborrable!